udc

Como facemos a atención ás familias?

A UIICF ofrécelles unha intervención de calidade a familias con diferentes tipos de problemas: relacións de parella, problemas psicolóxicos, maltrato, falecemento dun familiar, problemas escolares, familias en que algún membro padece unha enfermidade física crónica, dificultades na adolescencia etc.

A UIICF está habilitada como Centro Sanitario pola Xunta de Galicia, e inscrito de acordo coa normativa sanitaria vixente no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios da Dirección Xeral de Ordenación e Inspección da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia co número de Rexistro C-15-003493.

Descargar folleto (PDF)

É GRATIS?

Si, toda atención é sempre gratuíta. O único compromiso das persoas e familias que son atendidas é cubrir ou responder os cuestionarios que se utilizan para a investigación que se desenvolve na UIICF. Todos os cuestionarios e procedementos de investigación son anónimos e teñen que ser explicados previamente e ser aceptados polas persoas que os cobren.

EN QUE CONSISTE O TRATAMENTO?

O tratamento baséase en entrevistas cun dos profesionais da UIICF e o seu equipo. Polo xeral, as entrevistas duran entre 40 e 50 minutos. Na sala de entrevista soamente están os membros da familia que son atendidos e un terapeuta. Pero o equipo de apoio pode seguir a entrevista noutra sala mediante un circuíto pechado de televisión. As entrevistas tamén son gravadas en vídeo se a familia dá o seu consentimento nun documento explicado verbalmente antes de ser asinado. O equipo de apoio aconsella ao terapeuta en cada sesión de traballo con cada familia, mesmo pode que algunha parte do equipo se reúna tamén co terapeuta e a súa familia se se considera máis útil.

O tratamento pode implicar algunha das seguintes cuestións:

  • Consello e asesoramento ante un problema ou dificultade.
  • Información e educación para coñecer e manexarse mellor ante unha dificultade ou enfermidade.
  • Terapia familiar para xerar cambios nos comportamentos e na comunicación das persoas involucradas nunha situación problemática.

CANTO TEMPO FAI FALTA?

A duración establecida é de 10 sesións. As sesións poden ser semanais ou cada 2 ou 3 semanas, sempre de acordo coa familia. Con todo, a duración de 10 sesións é só aproximada. Ás veces resultan suficientes 4 ou 5 sesións; pero tamén se pode prolongar o tratamento outras 10 sesións máis se hai un acordo entre a familia e o equipo profesional sobre a conveniencia de continuar máis tempo.

É EFICAZ A INTERVENCIÓN?

De forma periódica avaliamos a satisfacción das persoas que utilizaron os servizos da UIICF, ben mediante un cuestionario ao finalizar o tratamento ou ben cun seguimento que se realiza por teléfono 6 meses despois. En máis do 65 % dos casos o resultado é positivo ou moi positivo. Ademais, en ningún caso se informou de que o resultado tivese efectos negativos.

COMO PODO ESTAR SEGURO DE CONFIAR NA UIICF?

Hai tres condicións que son importantes para sentir seguridade e bo trato nun servizo como o noso:

  • Que se respecte a túa intimidade e todo sexa confidencial. Na UIICF todo o persoal ten o deber de respectar o dereito á intimidade e confidencialidade de todos os datos, escritos e gravados, así como da información que se obtén no proceso da relación terapéutica, e a que ninguén poida acceder a eles sen autorización previa. Temos a obriga de obter por escrito o consentimento, libre e voluntario, de toda persoa que reciba atención na UIICF. A persoa que é atendida coñece persoalmente todo o equipo de traballo porque todos son presentados desde o primeiro contacto.
  • Que non te sintas obrigado/a. Na UIICF todo é voluntario e consultado con todos os usuarios atendidos. Tampouco se permite que ninguén obrigue outro familiar a acudir a unha entrevista nin a realizar calquera outra actividade relacionada co tratamento.
  • Que entendas ben o que se fai. Nós sempre explicamos aos usuarios todo o que se fai e resolvemos calquera dúbida que teñan sobre a intervención. Gústanos que as persoas que atendemos nos pregunten todo aquilo que consideren necesario. Nunca has quedar cunha dúbida.

QUE PROFESIONAIS ATENDEN?

A Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña é a entidade responsable administrativamente da UIICF. A dirección está baixo a responsabilidade de:

Dirección: Dr. Valentín Escudero, doutor en Psicoloxía, profesor titular de Métodos de Investigación do Departamento de Psicoloxía, acreditado pola FEATF e FEAP.
Equipo da UIICF: dous profesores de Ciencias da Saúde, catro psicólogos, dous especialistas en psicoloxía clínica, dúas educadoras sociais e unha coordinadora da administración e atención ao cliente.

En ocasións, baixo a supervisión dos nosos profesionais e docentes, o equipo integra persoal en formación, pero sempre se trata de graduados ou mesmo profesionais que xa exercen noutros centros e que están a mellorar a súa formación na UIICF. Non hai nunca estudantes de grao. Toda a atención ofrecida na UIICF está sempre, sen excepción, supervisada polo profesorado que posúe o título de Experto en Intervención Familiar, Psicoloxía Clínica, e Terapeuta Familiar.

Ademais, a UIICF conta coa colaboración dun grupo de expertos internacionais que asesoran o noso equipo, que supervisan e avalían o resultado dos programas de intervención que levamos a cabo.

COMO PODO PEDIR QUE ME ATENDAN?

Soamente se pode recibir atención na UIICF a través de determinados programas conveniados con entidades ou institucións. Pero calquera familia se pode poñer en contacto connosco para saber se podería participar nun deses programas e desa forma recibir atención individualizada na UIICF.

É moi sinxelo, unicamente hai que facer unha chamada telefónica e explicar anonimamente a situación e a necesidade que ten a familia.

O teléfono de contacto é 646 102 004

 

Back to Top