udc

MESTRADO EN INTERVENCIÓN E COIDADO FAMILIAR

Este mestrado é un título propio da Universidade da Coruña. A súa finalidade é capacitar profesionais de diversos ámbitos nas habilidades e as técnicas de intervención con familias, nenos, nenas e adolescentes. Esta formación de posgrao iniciouse en 1998 (Xunta de Goberno da UDC, setembro 1998) como un curso de «Experto» dun ano de duración e en 2016 constitúese como un Mestrado de dous anos de duración (Xunta de goberno da UDC, xuño 2016).

É por tanto unha formación que ten unha longa experiencia, que acadou moitas promocións de alumnos/as graduados/as. O equipo de dirección e coordinación do mestrado é a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar.

Descargar folleto (PDF)

fullsizerender-7

Para que me capacita?

O mestrado ensina como crear unha relación de axuda profesional baseada en construír alianzas terapéuticas coas familias en ámbitos como a saúde, educación, protección á infancia, servizos sociais, terapia familiar e de parella.

O mestrado baséase nun modelo de traballo ben definido en varios manuais e publicacións científicas. O ensino céntrase na práctica desde o primeiro momento: adestramento de habilidades e aprendizaxe de técnicas para intervir en contextos diversos. O alumnado que realizou este mestrado traballa actualmente como educadores/as familiares, terapeutas familiares, técnicos/as de protección á infancia, en programas de preservación familiar en servizos sociais, saúde mental, orientación familiar, enfermaría comunitaria e familiar.

Ademais do título de mestrado da UDC, esta formación está tamén acreditada pola Federación Española de Asociacións de Terapia Familiar (FEATF) para que quen o faga se poida certificar como Terapeuta Familiar (neste caso é obrigatorio completalo cun período de supervisión práctica).

Que fai especial e diferente este Mestrado ?

Ao longo dos anos, o alumnado que pasou polo mestrado destaca estes aspectos especiais: o ambiente de motivación e optimismo que se crea nos seminarios e nas prácticas, a cohesión que se xera entre o alumnado, e os valores que sustentan o modelo de intervención (respecto e curiosidade, dignidade das familias, optimismo, resiliencia, convicción sobre a capacidade de cambio e crecemento).

Por que dura dous anos?

O mestrado é de tipo presencial, pero a súa estrutura permitiu que moitos alumnos e alumnas compatibilizasen a súa realización con outras actividades (tanto de traballo como outros estudos).

Consta de 1500 horas: distribuídas en 625 horas realizadas no primeiro ano (25 ECTS) e 875 horas (35 ECTS) no segundo. Facer o mestrado en dous anos é necesario para asentar as habilidades de intervención e, ademais, unha condición da FEATF para a acreditación de terapeuta familiar.

O segundo ano ten unha orientación moi práctica, baseada en prácticas con familias e menores, que se asenta en toda a formación teórica e de habilidades do primeiro ano. Por outra banda, ao longo do segundo ano realízanse tres obradoiros deseñados para conseguir unha realización exitosa do Traballo Fin de Mestrado .

Onde se fai e que horario ten?

Toda a actividade docente ten lugar na UIICF, que está situada no Campus de Esteiro (Ferrol). A UIICF ten salas de intervención, sala de espera, salas de equipo, laboratorio de vídeo, despachos e unha aula.

O mestrado consta de seminarios e obradoiros intensivos (en sábados alternos). Durante todo o segundo ano inclúe prácticas que se realizan un día da semana que o alumnado elixe (5 horas, ben pola mañá ben pola tarde). Estas prácticas pódense facer na propia UIICF (Ferrol), na Coruña, Lugo ou Pontevedra.

Como son as prácticas?

O alumnado forma parte do equipo de intervención familiar, observando en vivo as sesións de traballo coa familia e participando co equipo profesional na valoración dos casos e no deseño do plan de caso e de todas as intervencións durante o proceso.

Como é o profesorado?

Os profesores e profesoras que colaboran actualmente co mestrado foron valorados moi positivamente polo alumnado ao longo das sucesivas promocións. O seu perfil xeral inclúe: capacidade didáctica e experiencia académica ou de supervisión, ter experiencia práctica consolidada, alta motivación para a intervención familiar e optimismo.

Que necesito para ser admitido/a como alumno/a?

Ter unha titulación de grao (ou licenciatura) no ámbito da saúde, educación, ou social (Educación Social, Enfermaría, Psicoloxía, Psiquiatría, Traballo Social). A solicitude de admisión pódese facer no enderezo http://uiicf.net/formulario-inscripcion/

Tamén se pode solicitar información adicional ou resolver dúbidas no correo interfam@udc.es ou no teléfono 646 102 004.

O proceso de selección inclúe unha entrevista persoal previa á admisión definitiva.

Canto custa e como se paga?

O prezo da matrícula polos dous anos é de 2900 € (1450 € por ano). A matrícula pódese pagar fraccionada (mesmo en mensualidades).

A universidade ofrece bolsas parciais para realizar este mestrado (o número de bolsas está en función do número de alumnos/as que se matriculen).

Como podo saber se este mestrado vai ser un paso significativo na miña proxección profesional e persoal?

Esta é unha pregunta persoal que te debes facer se che interesa este mestrado . Nós tentamos (na entrevista inicial para a admisión e na formación que ofrecemos respecto diso) que coñezas ben que pretendemos con esta formación e en que consiste. Ese coñecemento debe ser a base para unha boa elección. Para nós é fundamental que as persoas que entran no mestrado estean motivadas e ilusionadas; queremos que, ademais de aprender, vivan unha experiencia de crecemento profesional e persoal.

 

Back to Top