udc

Programas.

Avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco e desamparo (FUAC-Xunta de Galicia)

O Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico de Menores en Situación de Risco e Desamparo está deseñado na UIICF para o tratamento terapéutico de nenos, nenas e adolescentes que teñen un expediente aberto polo Servizo de Protección de Menores e que mostran desaxustes emocionais e condutuais severos orixinados ou relacionados con algunhas destas circunstancias: (a) a situación de desprotección e/ou malos tratos que sufriron, (b) as adversidades asociadas á medida de separación da súa familia, e (c) a existencia de dificultades severas ou cronificadas na convivencia dentro da súa familia de orixe.

O Programa é unha aposta pola creación e aplicación dun servizo especializado e de calidade para a atención terapéutica aos menores que se atopan no contexto de Protección á Infancia. É unha iniciativa pioneira no noso país que se desenvolveu mediante un convenio entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade da Coruña a través da Fundación Universidade da Coruña. O programa constituíu unha rede profesional de atención con 7 dispositivos de atención terapéutica especializada distribuídos en toda a Comunidade Autónoma (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra, e Vigo) e 20 terapeutas especialistas en psicoloxía clínica, terapia familiar e psicoterapia infantil e adolescente. Esta rede, baixo a dirección científica e técnica da UIICF, integra recursos públicos (equipo da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago, colaboración de profesionais do SERGAS) xunto con gabinetes privados que cumpren uns requisitos de excelencia (tanto no referido ao seu persoal como na súa traxectoria profesional). O modelo de tratamento común, o traballo en equipo, a supervisión clínica e a investigación son os mecanismos que permiten homoxeneizar e manter a calidade do tratamento.

Programa de terapia de grupos multifamiliares

Os grupos multifamiliares de pacientes con enfermidades físicas crónicas:

Os grupos multifamiliares están constituídos por familiares e enfermos crónicos para traballar sobre as vivencias psicosociais da enfermidade. Isto ten que ver con como os pacientes e as súas familias viven e se relacionan coa enfermidade e que lugar ocupa esta na súa vida. Xeralmente, as familias deixan de realizar actividades e viven entregadas á enfermidade e ao paciente. A través dos grupos búscase que as familias sexan capaces de se organizar atendendo á enfermidade, pero sen que esta condicione as súas relacións e a súa vida máis aló do necesario.

Un dos modelos de traballo que máis éxitos está a cultivar nesta liña é o modelo Ackerman/MFG, que foi desenvolvido por Peter Steinglass e os seus colaboradores. O dito modelo, que é o que se segue na UIICF, pódese realizar con familias das máis variadas condicións sociais porque o tema central, e que os une, é a enfermidade dun dos seus membros.

O programa consta de 6 sesións cunha periodicidade semanal (ou quincenal) e desenvólvese unha vez que a enfermidade entrou na súa fase crónica (diabetes, asma, colite ulcerosa e Crohn etc) ou remitiu (como sucede cos enfermos de cancro). As sesións duran uns 90 minutos aproximadamente. O número de familias participantes oscila entre 4 e 6, o que fai un total de 20 persoas, máis ou menos.

O traballo realízase en grupo, coas familias dos pacientes e o propio paciente. É importante que acuda o paciente e o maior número de membros da familia. Se o paciente non quere asistir, a familia non participa no programa.

Terapia e consello familiar

O programa de asesoramento e terapia familiar ocúpase de familias e persoas con diferentes problemas:

  • Familias que sofren as circunstancias dunha enfermidade física, crónica, ou outros problemas de saúde dalgún dos seus membros con serias repercusións no sistema familiar.
  • Familias con problemas serios na súa relación, xerados por circunstancias sociosanitarias diversas: problemas de parellas, violencia domestica, depresión, falecemento dun membro da familia, conflitos interpersoais etc.
  • Familias en crise, relacionadas con cambios importantes no ciclo de vida: nacemento de fillos, adolescencia e terceira idade.

En moitos casos, a atención que se ofrece é complementaria a outros tratamentos farmacolóxicos ou de rehabilitación, proporcionados por outros profesionais e institucións.

O tratamento baséase en entrevistas cun dos profesionais da unidade e o seu equipo. Polo xeral, as entrevistas duran entre 40 e 50 minutos. Na sala da entrevista soamente están a persoa ou persoas que son atendidas e un terapeuta. Pero o equipo de apoio pode seguir a entrevista noutra sala mediante un circuíto pechado de televisión. As entrevistas son gravadas en vídeo. Despois de cada entrevista, o profesional reúnese brevemente co equipo (uns 10 ou 15 minutos) e volve de novo falar coas persoas atendidas para transmitirlles as suxestións, prescricións, consellos etc. que se considere poden ser de axuda.

O tratamento pode implicar:

  • terapia familiar para xerar cambios nos comportamentos e na comunicación das persoas involucradas nunha situación problemática
  • consello e asesoramento ante un problema ou dificultade
  • información e educación para coñecer e manexarse mellor ante unha dificultade ou enfermidade

A participación no programa é gratuíta para as familias. O único compromiso das persoas e familias que son atendidas é cubrir os cuestionarios que se utilizan para a investigación que se desenvolve na unidade. Todos os cuestionarios e procedementos de investigación son anónimos e son explicados previamente para ser aceptados polas persoas que os cobren. Todos as persoas participantes no programa asinan previamente un consentimento informado.

A duración establecida para a intervención é de 10 sesións. As sesións poden ser semanais ou cada 2 ou 3 semanas. Con todo, pode resultar suficiente con 4 ou 5 sesións. Tamén pode alongarse o tratamento se despois de 8 sesións os profesionais e os clientes consideran necesario continuar.

Back to Top